Desconcierto Cultural foi unha asociación sen ánimo de lucro que desenvolveu a súa actividade entre os anos 2012 e 2022.

O principal obxectivo foi a dinamización da escena cultural galega con iniciativas e proxectos onde a música era o principal protagonista.
O 4 de novembro de 2010 organizase o primeiro concerto: Greg Dulli na sala Capitol de Compostela. Era o inicio dunha década de actividade.

Algúns dos ciclos e proxectos máis relevantes son:

Romaria Pop. Coa intención de darlle unha volta á tradicional romaría, reunimos nunha xornada o mellor da escena musical independente galega no parque compostelán de Belvís. Por alí pasaron, entre outros: Unicornibot, Los Chavales, Puma Pumku, Fogbound, Músculo!, Ataque Escampe ou Niño y Pistola. Ademais ofrecemos numerosas actividades culturais gratuítas, incluíndo zonas para obradoiros infantís, postos de comida e bebida e un mercado alternativo. Consolidado coma un referente nos hoxe tan habituais eventos diurnos celebramos a terceira edición, e última, en 2014. A dimensión que adquiriu o proxecto ao longo dos anos obrigounos a porlle punto e final. Sí..., poderíamos decir que morremos de éxito.

Primos Hermanos. Pensado como unhas xornadas de intercambio entre Galicia e Asturias a través da música e a gastronomía. Bandas asturianas tocan en locais de Compostela e, posteriormente en Oviedo celébrase unha xornada con artistas galegos. Máis de 30 propostas formaron parte dos distintos carteis, como Pablo und Destruktion, Pauline en la Playa, Fee Rega, diola ou Malandrómeda. Celebramos catro edicións, a última delas en 2017.

As Matinais –– Noroeste Estrella Galicia. En 2017 e 2018 colaboramos co festival coruñés comisariando os concertos programados para as citas do mediodía. Alien Tango, Salto, Bifannah, Futuro Terror, Calero, Tórtel, Sen Senra, Terrier... ata dezaoito bandas, de distintos estilos e procedencias, foron as protagonistas en diferentes espazos da cidade vella.

Rercord Store Day Galicia. Foi un proxecto de crowdfunding para editar 500 copias dun vinilo de 10” inédito, con cinco temas de bandas emerxentes galegas. Fixémolo en 2013 e participaron Grampoder, Szentes, Os Amigos dos Músicos, Musel e Fagot y Popota. Organizáronse ademais concertos destas bandas en tendas de discos de toda Galicia das que colaboraron connosco neste proxecto no día do Record Store Day.

Co tempo consolidaronse actividades que pasaron a ser un clásico na axenda cultural compostelá:

Placeres Ocultos. Dende a súa creación, no 2011, temos organizado máis de 30 concertos con 36 artistas e bandas en distintas salas de Galicia. O ciclo ten por obxectivo presentar propostas alternativas nacionais e internacionais, de moi distintos estilos, sempre lonxe dos circuítos convencionais.

Sin periodicidade nin datas concretas, o ciclo alimentase en función das propostas que recibimos. Se hai interese por parte dos socios poñemonos en funcionamento para levalas a cabo. Deste xeito teñen pasado polo ciclo como Vessel, Spain, Barzin, The Wellgreen, Martin Carr, Flowers ou TOPS.

As últimas citas, no 2019, foron Holy Motors, Sir Robin & The Longbowmen, Trumpets of Conciousness e Laure Briard.

Terrazeando. Dende o verán de 2012 aproveitamos lugares especiais de Compostela para programar música en directo: terrazas, prazas e espazos singulares que por si mesmos son capaces de amplificar as emocións e sensacións xeradas dun concerto.

Pretendemos, ademais, dar a coñecer eses recunchos escondidos da vista do tránsito diario e a especial arquitectura da cidade. Enchemos estes lugares coa música de bandas nacionais, coma Elle Belga, Cómo Vivir en el Campo, Alberto Montero, Luís Brea y El Miedo, Joana Serrat, Oso Leone ou Os Amigos dos Músicos, e internacionais, coma Stone Dead (Portugal), Zebra Hunt (Seattle, EUA), Ultimate Painting (Londres), The Shivas (EUA), Ducktails (EUA), A Singer of Songs (Bélxica), Soledad Vélez (Chile), Birds are Indie (Portugal) ou Sonny and The Sunsets (EUA).

CortaPega. O noso microfestival de música electrónica e o noso compromiso por impulsar un estilo en boga na escena galega. Medran as propostas nesta área de creación e xuntamolas con referentes actuais da música de vangarda. Nas catro edicións que levamos celebrado, puidemos gozar de bandas coma Fasenuova, Playback Maracas, Museless, Sunny Graves, John Grvy, Pantis ou Pálida.

Recreios. Esta xornada de irmandamento cos nosos veciños portugueses botou a andar en 2015 cun embrionario pero potente concerto de PAUS e Coelho Radioactivo. Após varios anos de repouso volvemos en maio de 2019 cunha proposta sólida en forma de xornada gastronómica e cartaz a catro mans por conta de Sallim, Gator The Alligator, Cassete Pirata e Birds Are Indie.



Para formar parte de Desconcierto Cultural o primeiro é facerse socio. Isto é tan sinxelo como cubrir este pequeno cuestionario cos teus datos.

O conxunto de socios e socias colaboramos cunha achega de 15€ ao ano (1,25€ por mes), que nos axudan a cubrir gastos xerais de funcionamento como os hostings das webs ou o noso seguro de responsabilidade civil, ademais de contribuír a financiar, en parte, as actividades da asociación. Se decides asociarte co ano xa empezado, só pagas a parte proporcional por mes ata finalizar o ano.
Cada concerto, evento ou actividade proposta ante a Xunta Directiva faise pública a todos os socios a través dunha lista de correo electrónico. Se queres participar nalgunha delas so tes que manifestalo no fío e pasarás a formar parte do correspondente grupo de traballo.

Nos grupos de traballo falamos e decidimos todo o que ten que ver coa producción do proxecto en cuestión: selección de bandas, espazos e programación de datas, comunicación, orzamentos, etc.

Todos os grupos de traballo estarán dirixidos por alomenos un membro da Xunta Directiva , que axudarán a coordinar tarefas e asistir a aqueles que se incorporen por primeira vez.