05/01/2017
Casa das Crechas, Santiago de Compostela

Que lonxe quedan as Noites de Reis nas que un se deitaba nervioso, facendo inventario de zapatos e xanelas nas tebras do dormitorio. Aínda que un deixase de crer en reis, cada vez desconfíe máis dos magos e non saiba onde empeza Oriente e acaba Occidente, dende Desconcierto Cultural recuperamos a ilusión (unha noite noite) cunha festa con tres concertos e unha boa pinchada.

A Casa das Crechas acolleu o noso ROSCÓN, unha Festa de Reis Republicana, un doce que agochaba a tres bandas nunha noite máxica ao calor do escenario do histórico local da Vía Sacra.

Esposa

Esposa son e non son pop, tampouco son da new wave pero comparten moito do tolo espíritu desas bandas, ou como escribiu Xavier Valiño en Mondosonoro “… muestran especial devoción por el pop rápido -cantado en gallego- en la onda The Feelies, con ecos de Devo o The Modern Lovers”. Ahí é nada.

Gancho Sanches

Galegos afincados en Barcelona, e con membros de Braishtalung, Telephones Rouges ou Le Cûl, Gancho Sanches posúen unha personalísima visión que respira post-rock e osixénase con psicodelia folk con letras escritas en inglés e galego. Aproveitaron para agasallaranos co seu EP titulado “Psicofonía Bolborítica”.

Peña

Peña son inquedos, xoguetóns, curiosos e propóñense con este proxecto mergullarse no universo pop, dende a súa vertente intimista e misteriosa (Daniel Johnston, Nick Drake) ata a psicodelia acústica máis experimental (Syd Barret). 

DJ Lemur